|
UNHA PRIMEIRA APROXIMACIÓN Á HISTORIA DE CEE
Víctor Manuel Castiñeira Castro Os territorios pertencentes na actualidade ó Concello de Cee estiveron habitados desde antigo aínda que as testemuñas do noso pasado máis lonxano non son moi abundantes sendo o exemplo máis salientable as mámoas situadas no alto de San Pedro Mártir pertencentes á cultura megalítica e dunha antigüedade duns 6.000 anos. Os primeiros asentamentos máis estables foron os castros habitados polos nerios e que no momento da chegada dos romanos ás nosas terras, no s.II d.C., atopábanse repartidos por todo o territorio. Alomenos é segura a constatación destes poboados amurallados en Vilar de Toba, Pereiriña e Lires, quedando como legado a toponimia e a súa pegada na paisaxe. Dada a nosa situación periférica, as terras de Cee quedaron nun plano moi secundario no proceso de romanización da península ibérica, situación que non variou nos séculos seguintes, ata o punto que a invasión musulmana non se faría notar ata os ss. X-XI, cando se fan máis habituais algunhas expedicións de saqueo das que quedou constancia en diferente documentación. A finais do s. XI a aristocracia domínante na nosa zona comenza a organizarse en torno ó liderato dos Traba, grupo familiar que acadará gran influencia na nova monarquía castelá e da que recibirá importantes doazóns de territorios. No ano 1113, o “nobre cónsul” Pedro Fróilaz realizará a favor da igrexa de Santiago unha ríquisima doazón na que se inclúen bens entre os que seguramente se atopaba a actual vila de Cee ademais de outras moitas parroquias. A reorganización do territorio da diócese compostelá, da que formaban parte as parroquias ceenses, culmina en 1177 coa división en catro arcedianatos, un dos cales, o de Trastámara, irá intimamente ligado a Cee ata ben entrado o s. XIX, xa que o arcediago de Trastámara, ademáis de encargado do goberno e coordenación do amplo territorio do seu arcedianato, será o señor e xustiza da vila de Cee controlando tódolos aspectos do seu desenvolmento nos seguintes sete séculos. No referente ás parroquias rurais de Ameixenda, Brens, Lires, Pereiriña e Toba, despois de moitos avatares e cambios, acabarán a comezos do s. XV en mans dos Moscoso (futuros Condes de Altamira). Desde o s. XIII e en relación co Camiño de Santiago vanse formando diversos núcleos urbanos, feito que tamén acontece na costa unha vez superada a ameaza musulmana. A vila de Cee non foi allea a esta situación e así, cando o mar comenzou a ser un lugar de asentamento seguro e economicamente favorable, a igrexa de Santa María irá desplazando á primixenia de San Paio de Refoxos. No s. XV os pilares da economía ceense eran dous: os contactos comerciais cos mercaderes italianos e do norte de Europa e a venta de peixe que se comercializaba fresco, seco ou afumado, sendo a pescada, o congro e a sardiña as especies que mellor saída tiñan no mercado. No último cuarto do s. XVI (1587) a vila de Cee debía aproximarse ós 500 habitantes, cantidade moi parella á dos que vivían nas parroquias rurais, polo que o total poboacional dos territorios actuais do Concello de Cee superaba o millar. Un século despois (1672), a vila de Cee incrementara a súa poboación ata os preto de 600 habitantes mentras que as parroquias do rural duplican a súa poboación. A entrada do millo americano nos anos 30-40 do s. XVII xunto cun positivo ciclo climático son en boa parte os causantes deste aumento poboacional. A economía das parroquias rurais asentábase, antes da entrada deste millo, fundamentalmente na producción cerealeira de trigo, centeo e en menor medida, millo miúdo, mentras que a vila de Cee amósase moito máis dinámica economicamente falando, cunha menor presencia de cereal que se verá compensada pola importancia da pesca, o traballo dos coiros e cesterías e o comercio de panos, encaixes, viño e carnes.  Mapa de Galicia no ano 1603
A mediados do s. XVIII a poboación da vila de Cee supera os 800 habitantes mentras que nas parroquias vivían preto dos 1.600. Foi este un século de estancamento motivado, entre outras razóns, por ciclos climáticos negativos coas conseguintes crises de subsistencias. As de 1709-10 e 1768-69 foron especialmente dramáticas co conseguinte aumento espectacular da mortalidade e o abandono dos fogares cara outras terras escapando da fame. Será neste século cando empecemos a ter constancia da emigración estacional que moitos veciños de Cee, especialmente do mundo rural, facían ás terras castelás no momento da recollida do cereal, viaxe que aproveitaban para levar encaixes e lenzos cos que obter uns ingresos suplementarios. No tocante ós homes do mar temos que salienta-la existencia dun cerco para a sardiña antes da chegada dos fomentadores cataláns que introducirán importantes novidades na extracción deste peixe a pesar da importante resistencia presentada por parte dos mariñeiros. O s. XIX trouxo importantes acontecementos e cambios que deixaron a súa pegada na nosa historia. Un dos máis tristes sen dúbida algunha foi a invasión francesa acontecida os días 13 e 21 de abril de 1809, na que foron incendiadas casas e a igrexa parroquial con importantes perdas materiais e humanas. No ano 1836 constitúese o Concello de Cee tal e como o coñecemos na actualidade. A vila de Cee contaba con 986 habitantes mentras que nas restantes parroquias habitaban 1783 persoas. O s. XIX tamén traerá unha intensificación do fenómeno migratorio empezando a coller forza a emigración a América, especialmente a Cuba, quedando Arxentina nun segundo plano de momento. En Cuba precisamente faría a súa fortuna D. Fernando Blanco de Lema, gran benefactor da súa vila natal e que trala súa morte na Habana en 1875 deixará unha cuantiosa fortuna para a construcción dun colexio de primeira e segunda ensinanza que foi no seu momento un dos mellores centros educativos de toda Galicia pola calidade e abundancia do seu profesorado e dos medios necesarios para cumpli-la finalidade prevista polo seu fundador. O s. XX é o dos grandes avances que cambiaron o aspecto xeral do noso pobo ata converti-lo no que é na actualidade: a capital comarcal e centro de servicios máis importante da Costa da Morte. Feitos moi importantes e que xogarían un papel destacado no progreso de Cee foron a instalación da fábrica de carburos (1903), a compañía baleeira en Caneliñas (1923), o recheo da Seca (1977) e o hospital comarcal (1998).
|